A controversia sobre o nome de Deus na Declaración de Independencia de Israel

Como unha disputa relixiosa por pouco non saboteou o documento fundante do Estado hebreo.

O 14 de maio de 1948, diante dun público de 300 persoas reunidas no Museo de Arte de Tel Aviv, ademáis de varios miles escoitando vía radio, David Ben Gurión leu a Declaración de Fundación do Estado de Israel. A comunidade internacional fixera fortes presións sobre os líderes sionistas, desalentándoos de declarar a independencia, pero Ben Gurion e os seus tiñan decidido que o final oficial do Mandato Británico de Palestina era o momento ideal para actuar.

Despois de dous milenios, o pobo hebreo reafirmaba a súa soberanía sobre a Terra de Israel, pero isto non sen que se producisen tensións irresoltas no documento mesmo, en particular sobre o rol da relixión para o Estado hebreo.

O soño dun Estado hebreo durara dous mil anos, pertencera primeiro aos exiliados da persecución romana, e despois entre aqueles que, nos lugares da Diáspora, mantiveran viva a esperanza do retorno á terra de Israel. Ao comezar o século XX, os pais do sionismo como Theodor Herzl, Ahad Ha’am, Vladimir Ze’ev Jabotinsky, Rav Abraham Isaac Kook e outros, xa desenvolveran visións sustancialmente diferentes sobre cómo o moderno Estado debera ser «hebreo».

A declaración de Independencia remata con: «Confiando na Roca de Israel [Tzur Yisrael], poñemos as nosas sinaturas sobre esta proclama». No Libro de Samuel, o rei David, a piques de morrer, chámalle a Deus «Roca de Israel»: «O Deus de Israel falou, a Rocha de Israel díxome: Aquel que reina sobre os homes con xustiza, aquel que reina con temor de Deus é como a luz da mañá ao sair o sol».

O Salmo 22 fai uso da palabra Tzur (Roca) para describir a Deus como un protector: «A Roca na que encontro amparo». O termo quizá nos é máis coñecido polo Salmo 19: «Sexan gratas as palabras da miña boca e a meditación do meu corazón, oh Señor, Roca miña, e Redentor meu «.

Nas semanas que precederon á retirada das autoridades do Mandato Británico de Palestina, a Declaración foi posta a punto por políticos, xuristas e escritores (entre eles, Shmuel Yosef Agnon, que despois gañaría o Premio Nobel). Desde o comezo, a controversia sobre a inclusión do nome de Deus no documento foi tal que estivo a piques de sabotear a aprobación dunha versión final da Declaración e da cerimonia do Museio de Arte.

O borrador final foi examinado por unha pequena comisión, na que estaban David Ben Gurión (entón xefe executivo da Organización Sionista Mundial), Rabbi Judah Leib Maimon (líder do partido sionista relixioso, Mizrachi), Aharon Zisling (líder do partido sionista socialista, Ahdut Ha’avodah) e Moshe Shertok (despois Sharett, xefe do departamento político da Axencia Xudía).

Os sionistas relixiosos insistían sobre o nome de Deus como compoñente necesario do documentos fundante do Estado de Israel. Zisling, ao mando dos sionistas laicos, acreditaba na separación entre relixión e estado e non quería asinar un documento que se apoiase en alusións ao sobrenatural. Sostiña que a inclusión do nome de Deus significaba impoñer unha expresión relixiosa aos non crentes. Rabbi Maimon, cuxa posición finalmente non prevaleceu, meteu o nome de Deus á beira da súa sinatura na Declaración. Ben Gurión deu co compromiso: usar a expresión «Roca de Israel», de modo que se lle dese satisfacción a ambas as partes, deixando fóra a compoñente teolóxica («e o seu Redentor»), contida na Biblia.

Despois da fundación do Estado, os Raxinos Xefe sefardita e asquenazita introduciron a expresión de Deus Redentor na Pregaria polo Estado de Israel. Esta comeza con «Tzur Yisrael v’Goelo» (a Roca de Israel e o seu Redentor), continúa coa invocación de bendicións polo Estado e os seus líderes e afirma que a fundación de Israel é «a primeira floración da nosa redención».

Aqueles que coñecen os textos relixiosos len a expresión Tzur Yisrael no seu contexto bíblico e sacro. Para os ateos, a expresión indica unha referencia máis literal ao vínculo do pobo xudeu co exército, a Terra de israel e as tradicións socio-culturais.

Cando anos despois se lle pediu a Ben Gurión que explicase a súa elección, respondeu que a expresión podía indicar as tradicións e a historia da Torah, ou a institución das Forzas de Defensa Israelíes.

Cos exércitos árabes a piques de atacar, aquel 14 de maio de 1948, o pobo xudeu debeu afrontar novas circusntancias con valentía e creatividade. Os asinantes, crentes e non crentes, declararon a Independencia do Estado «confiando na Roca de Israel».

O exemplo do Reino Unido ensínanos que ter unha relixión oficial de Estado e gozar dunha democracia activa que respete todas as relixións e aos non crentes ao mesmo tempo é posíbel. Usando a expresión Tzur Yisrael, o pobo xudeu fíxose máis forte grazas ao compromiso fundado sobre a diversidade de pensamento e práctica. A frase «Confiando na Roca de Israel» continúa afirmando o dereito democrático de todos os cidadáns de Israel á liberdade de pensamento e culto.

(Daniella Kolodny).

Publicado na web de THEJC O 16-4-2018. Con tradución de Silvia Gambino ao italiano foi publicado na web de JOIMAG. A tradución desde o italiano é de Administrador.

Texto en inglés (orixinal):

https://www.thejc.com/judaism/features/why-israel-s-independence-led-to-an-argument-over-the-name-of-god-1.462387

Texto en italiano:

https://www.joimag.it/la-controversia-sul-nome-di-dio-nella-dichiarazione-dindipendenza-di-israele/?fbclid=IwAR3sdtEoBmXdB_heTgyFp31qZqZMA40ds9dp8m-Y0UIO0mEzfd2KRtyvNFo

Esta entrada fue publicada en política, shalom y etiquetada , , , , , , . Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario