Trontiana (40). “A esquerda e o líder” (texto de Mario Tronti)

PUBLICADO EN L ‘UNITÀ (11-9-2013).
Como se sae do vintenio berlusconiano? A pregunta correcta é: como se “debe” sair del? Debe ser presentada unha proposta de percorrido, que se propoña eliminar a causa, pero tamén as consecuencias, dunha longa fase de crise da política.

Non é suficiente abatir a estatua do profanador para que todo volva ao seu lugar. O berlusconismo é a roupaxe antropolóxica de todo aquilo que foi definido como Segunda República, na idade neoliberal: populismo privatístico, individualismo posesivo e aquel berro “Maldito sexa o público”, que resoou desde arriba e de difundiu abaixo. As fórmulas coñecémolas: o “eu ocúpome” dun home só ao mando; e a resposta correspondente da multitude solitaria: “sálvome por min mesmo”, e todos os medios son lícitos. Como dicía o poeta, atención, o ventre que xerou todo isto é ainda fecundo. Estea alerta o campo antiberlusconiano a non producir unha variante progresista.

Cando se trata de pasar páxina, sempre están os que son máis realistas que o rei: así vai o mundo, non queda máis que adaptarse, os signos dos tempos deben obedecerse, non opoñerse. A “xente” quere un xefe que lle fale directamente ao pobo, sen a mediación da molestia dun partido. Que é en realidade un partido? Unha molesta sede de mediacións políticas, co peso dunha memoria, dunha historia, dunha tradición, dunha cultura, ou tamén de máis culturas, todas elas vellas cousas a desbotar. Queremos dicilo, queremos facelo comprender, que tamén isto é froito do berlusconismo? Existe un punto a tomar seriamente en consideración, a asumir como problema, que quere unha solución.

A pregunta política que xurde do País é confusa. A inestabilidade do goberno, e das institucións en xeral, reflite unha inestabilidade da opinión, en gran parte subalterna a ondas mediáticas, en absoluto espontáneas, máis ben dirixidas. Unha política desviada por dúas décadas de loita política personalizada, que reproduce personalización ampliada, e un cada vez máis alto nivel demagóxico. Esta volatilidade de masas, calquera que sexa a ocasión electoral, non dunha posición contra outra, senón dun personaxe fronte ao outro, é un tema crítico que poden formularse todas as forzas políticas. Dase por descontada hoxe aquí a devastadora anulación das referencias fortes, sociais, culturais, ideais. A quen lle beneficia isto, máis que a quen está tranquilo deste modo nas máis tradicionais posicións de verdadeiro poder?

O que quero dicir é que, neste punto, o importante non é certamente correr detrás dunha pregunta confusa, máis ben trátase de presentar unha oferta clara. Debe ser reordenada, reconstruida, remotivada, a oferta política. Velaí o verdadeiro tema dun congreso dun partido de pobo.

Certo que se necesita a figura do líder. E formulou ben o tema nestas columnas Ciliberto. Ninguén quere negar a necesidade da figura que fai a síntese dun grupo dirixente e identifica, tamén a nivel de opinión, a imaxe dun suxeto político. Pero cal é o líder necesario? O que demostra saber representar unha historia, saber dirixir unha comunidade, saber abordar a complexidade dos problemas, saber proxectar a acción de miles de militantes, e isto por calidade, por competencia por experiencia? Ou é o que as sondaxes din que poderá gañar as próximas eleccións? Un gran discurso estratéxico construtivo, mobilizador, sería unha crítica destas democracias contemporáneas, reducidas a puro rito electoral.

É realmente imposíbel introducir democracia, isto é, coidado do interese público e xestión comúns dos bens, que sexa atractiva, e implicadora e conveniente, na vida cotiá das relacións sociais, das relacións civís, das relacións laborais, das relacións de xénero, das relacións coa natureza? Non pode converterse esta na identificación da esquerda por parte do seu pobo, no canto desta busca obsesiva daquilo co que “se gaña”, personaxe contra personaxe? Este é un tempo no que se perdeu a diferencia entre a cháchara e o pensamento. Non só política-espectáculo, senón cultura-espectáculo. Gástanse recursos para festivais na rúa sobre calquer cousa, para satisfacer a demanda de clase media reflexiva, e non existe un euro para manter centros de estudo e investigación para a formación dunha nova xeración de intelectuais políticos, investimento para a produción de verdadeiras series preparadas de clases dirixentes.

Non existe conciencia de que a saída da crise política é tan dramaticamente urxente como a saída da crise económica. Non son como para infravalorar as razóns do apoio. Pero sería desexábel un apoio, e unha demanda de apoio, sobre motivacións de razóns colexiais e non de emocións individuais. Estas van e veñen e, repito, están perigosamente expostas á manipulación interesada de quen ten a propiedade que máis conta hoxe, neste campo, a dos grandes medios de comunicación. Unha distorsión emotiva, baseada en mensaxes demagóxico-plebiscitarias, tiña lugar frecuentemente nas competicións xerais, na moda do directismo democrático. Está a introducirse, por forza, na competición de parte, de partido. Porque agora o último en ser conquistado é o último partido político que permanece. E por como comezara a narración do post-`89, parece xustamente que se atopase o final feliz.

Tomado da web do CENTRO RIFORMA STATO (publicouse na súa web o 12-9-2013). Traducido por Administrador, pode verse o orixinal aquí:

https://www.centroriformastato.it/la-sinistra-e-il-leader/

Imaxe: Pixabay.

Esta entrada fue publicada en Italia, política y etiquetada , , , , , . Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s