A democracia en Europa, trinta anos despois da caída do muro de Berlín

Trinta anos depois da caída do muro de Berlín, todas as premisas e promesas do Oitentaenove parecen terse convertido no seu contrario: do abatimento da barreira que dividía Alemania á construción daquela contra os migrantes, do triunfo á crise da democracia liberal, da reunificación de Europa ás novas fallas que a conmoven, do fetichismo do mercado á catástrofe financeira do 2008, da sociedade aberta aos repregamentos identitarios, do proxecto supranacional da UE aos populismos soberanistas, dos movementos de protesta en nome dos dereitos humanos ás leis contra as ONG. Como interpretar esta inversión? Un libro de Jack Rupnik explica por que o ciclo político comezado no ’89 coa bandeira do neoliberalismo se esgotou, e que feridas deixa no corpo da democracia europea. Un artigo de Ida Dominijanni para Internazionale.

Máis tarde ou máis cedo, a historia presenta sempre as súas contas, frecuentemente trátase dunha factura cara e ás veces non carente de certa ironía. Debe ser realmente pola ironía da historia polo que as eleccións europeas do 26 de maio, as primeiras nas que se puxo en xogo a mesma supervivencia da Unión Europea, tiveron lugar xusto aos trinta anos daquela fatídica caída do muro de Berlín que desde Europa decidiu a reunificación. E debe ser por unha burla da historia que a proclamación de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos, potente empuxe propulsivo para os populismos e os soberanismos europeos, ten lugar xusto o mesmo día da caída do muro, o 9 de novembro, case negando, vintesete anos despois, esperanzas, ilusións e falsas perspectivas (Que día ¡ Que día “A non-democracia liberal rematou, e eu síntome libre da corrección política”, foi o que comentou Viktor Orbán sobre o resultado das presidenciais americanas). Pero na historia, como nos soños, segundo ensinou Freud, as coincidencias dos números non son nunca casuais: sitúannos sobre o camiño de pegadas perdidas ou eliminadas, permitíndonos reconstruir de modo máis fiábel a xenealoxía dun presente desmemoriado.

No presente existe unha Unión Euroepa que o 26 de maio pasado respirou aliviada repelendo a ameaza soberanopopulista, pero que permanece lacerada por profundas grietas – territoriais, económicas, sociais, políticas, culturais – en relación ás cales o deber ser unitario arrisca con converterse en cada vez menos sedutor e eficaz. De onde nacen estas fallas, e como se reparan? Privada, tal como está, de espesor teórico, a política non ofrece respostas, ou daas erradas. Fronte á falla económica entre norte e sur aberta coa crise do 2008, a U.E. respondeu coa política da austeridade e a disciplina de débeda, e coa fábula das formigas e as cigarras, agravándoa. Fronte á falla entre leste e oeste, deseñada polos experimentos da “democracia iliberal” en Hungría e Polonia, polas incompletas transicións democráticas en Serbia e Ucraina, polos reximes neoautoritarios en Bielorrusia e Azerbaián, a U.E. eludiu actuar, contando coa solidez do modelo liberal democrático occidental contra o espectro soberanista, co único resultado, tamén neste caso, de agravar a falla e reproducila no interior dos países occidentais, en primeiro lugar no sempre dilixente laboratorio italiano. E finalmente, fronte á terceira falla, a crise migratoria que desestabiliza permanentemente as xa lábiles fronteiras do continente, a Unión continúa sen responder nada, avalando políticas cada vez máis securitarias e deixando que afloren mil muros, en flagrante contradición coa imaxe do “espazo sen fronteiras” e da “sociedade aberta” que debería ter caracterizado a Europa.

Todo isto é suficiente, ou debería, para concluir que a reproposición obstinada do recetario neoliberal produciu e reproduce a crise económica, política e demográfica do vello continente: e que, entón, decididamente procede cambiar de camiño, rebobinando cara atrás a cinta da construción europea e recoñecendo nela erros, ilusións, sobreentendidos, paradoxos. O 30 aniversario do 1989 sería a ocasión axeitada para facelo, saindo finalmente das narracións unidimensionais e triunfais dos acontecementos daquel ano, que constituiron até hoxe o núcleo duro da ideoloxía europeista mainstream. Sen muro. As dúas Europas despois do colapso do comunismo, unha sólida colección de ensaios do politólogo Jacques Rupnik publicada oportunamente por Donzelli, sitúanos sobre o camiño xusto para esta reconsideración das tres últimas décadas. De Praga, conselleiro de Václav Havel nos anos noventa, compoñente da comisión internacional para os Balcáns e da de Kosovo, docente en varias universidades europeas e americanas, Rupnik dirixe a mirada aos acontecementos da Europa do leste, do centro e do oeste despois das “revolucións de veludo” do 1989 e a amplicación cara o leste da Unión Europea do 2004-2007, reconstruindo un puzzle político, social e cultural do continente máis complexo e máis completo de canto estamos habituados. Pero a motivación do libro é política, e céntrase en dúas preguntas sobre o hoxe.

Dúas preguntas sobre o hoxe.

A primeira: o ascenso dos movementos e gobernos populistas, soberanistas e antieuropeos, declaradamente iliberais ou dun xeito evidente neoautoritarios, indica un problema da Europa centrooriental, reconducíbel quizá á herdanza do réxime soviético, ou anuncia máis ben unha tendencia transeuropea e transatlántica das postdemocracias contemporáneas, tanto máis se metemos na conta o goberno verdeamarelo italiano, o Brexit ou a presidencia Trump nos Estados Unidos? En definitiva, trátase dun retorno de oriente ou dunha deriva de occidente? A segunda: asistimos, hoxe, e desde hai algún tempo, á conversión de todas a promesas e as premisas do oitentaenove no seu contrario: do abatimento do muro á construción de barreiras contra os migrantes, do triunfo á crise da democracia liberal, da reunificación de Europa ás novas divisións que a atravesan, do triunfo da economía de mercado á catástrofe financeira do 2008, da sociedade aberta aos repregamentos identitarios, do proxecto supranacional europeo aos nacionalismos, dos movementos de protesta en nome dos dereitos humanos ás leis contra as ONG, do mito da governance global aos enrocamentos soberanistas. Como interpretar esta inversión? Tratouse de promesas traizoadas ou de premisas erradas, ou das dúas cousas?

Ambas as preguntas remiten aos procesos activados pola “revolución” do oitentaenove, ainda controvertida nas definicións que veñen dadas por ela: implosión do sistema soviético, segundo algúns; práctica de desobediencia civil non violenta segundo outros; revolución “restauradora”, carente de ideas-forza novas e orientada unicamente á imitación de occidente, segundo Habermas; pero, sen máis, para Rupnik, revolusión democrática antitotalitaria, á ultima que converte a Europa en escenario dun acontecemento mundial, con repercusións noutros contextos – as primaveras árabes de vinte anos despois – e con efectos decisivos sobre a ordenación xeopolítica do planeta.

Daquel ano convulso, sorprendente e inolvidábel pode verse, nas páxinas do libro, toda a película: os acontecementos (Lipsia, Dresde, Varsovia, Praga, Budapest, Berlín, Bucarest); os precedentes (Solidarność 1980, Praga 1968, Budapest 1956, sen olvidar as folgas obreiras de 1976 en Radom e Ursus do 1970, na costa báltica); o tempo acelerado e o efecto dominó (“Polonia dez anos, Hungría dez meses, RDA dez semanas, Checoslovaquia dez días, Rumanía dez horas, Albania dez minutos ….”. E obviamente os protagonistas – Havel, Wałęsa, Gorbachov -, os comprimarios – Kohl, Reagan, Thatcher, e sobre todo Xoán Paulo II – e as respectivas estratexias. A reconstrución non se abandona á retórica da espectacularización nin á da imprevisibilidade do acontecemento: recondúcenos máis ben a un 1989-proceso, incubado na longa e profunda crise do sistema soviético e conscientemente acelerado polo reformismo de Gorbachov, que finalmente non é capaz de conter os efectos disruptivos sobre a existencia mesma da Unión soviética. Inicialmente pilotada por Gorbachov pero tamén por Reagan, o final da guerra fría coincidirá co final do socialismo real, coa ratificación da súa irreformabilidade, co triunfo do modelo occidental, ademais de coa vitoria da solución autoritaria de Deng Xiaoping á crise do comunismo sobre a reformista do líder soviético.

Pero aquí non me interesa tanto determe sobre a película, que as celebracións do trinta aniversario nos farán volver a ver máis e máis veces, como sobre a continuación á que, como en toda boa película, o final da inicio. Que comeza en Europa despois do 1989? A Europa central foi unicamente protagonista ou tamén e sobre todo posta en xogo, entre as potencias que lle puxeron fin á guerra fría, da revolución de 1989? Se aquela revolución reinventou o mito do pobo sobrerano que toma nas súas mans o propio destino, que hai daquel pobo e daquela soberanía nos populismos soberanistas de hoxe? Si o empuxe cara aquela revolución ven dunha xeración de xóvenes e de intelectuais radicais, aberta, irónica, “non contra o réxime senón máis alá”, que foi daquela xeración e da protesta á que lle deu voz? Finalmente, si os obxectos do desexo daquela revolución eran a democracia e o “retorno a Europa”, que é hoxe da democracia en Europa, e de Europa?

Premisas ambiguas, promesas traizoadas.

O percorrido biográfico e político de Orbán, que medrou na última xeración do disenso liberal húngaro para chegar no 2016 á formulación da “democracia iliberal”, ou o de di Jarosław Kaczyński, formado dentro de Solidarność e ex conselleiro de Wałęsa, dan xa amplos indicios para responder. Pero Rupnik articula a súa análise sobre unha máis vasta dimensión na intersección, como anticipaba antes, entre ambigüidade das premisas das revolucións da Europa do leste e traizón das promesas da Europa do oeste.

Ás ambigüidades e a inxenuidade das premisas do disenso deben ser adscritos o encaprichamento acrítico polo modelo liberaldemocrático occidental e a adhesión igualmente de acrítica ao “Washington consensus” neoliberal; a énfase sobre os dereitos humanos, eficazmente esgrimidos contra o totalitarismo soviético, pero a continuación usados como fonte de lexitimación das “guerras humanitarias” dos anos noventa e da intervención americana en Irak e en Afganistán, circunstancias nas cales os países da Europa central estiveron máis próximos aos Estados Unidos que á U.E.; unha concepción da soberanía popular que se entrecruza con patriotismo nacionalista contra a URSS, e, entón, exposta ab origine á deriva populista-soberanista actual. Por outra banda, están as promesas traizoadas por occidente: a oferta dunha democracia cada vez máis pobre, reducida a un rito electoral, erosionada pola crise de representación, pola corrupción, pola tiranía da inmediatez dos mercados e dos medios de comunicación; o mito dunha forma post-nacional da UE – aínda que nunca se traduciu á arquitectura institucional – sen atraer o sentimento nacionalista de Europa Central; unha ampliación da Unión aos países de Oriente máis parecida a unha anexión que ao “retorno a Europa” que acolleron despois da “confiscación” soviética e drogada pola adhesión común, ao oeste e ao leste á relixión do mercado.

Hoxe Europa está unificada, máis que por unha controvertida moeda, só pola crise democrática.

Como resultado destas dúas parábolas deuse unha construción europea cargada de malentendidos, e posteriormente comprometida pola crise económica e pola crise migratoria, esta última percibida polos países do leste como unha tapadeira do multiculturalismo occidental e postcolonial para a súa ilusión de contribuir á refundación da identidade continental coa redescubrimento das súas propias identidades nacionais. O proceso de unificación de Europa, que ollaba cara os países de Visegrado como exemplos de transición democrática corónase no 2014 coa elección do primeiro ministro polaco Donald Tusk como presidente do Consello europeo, converténdose nun xerador de novas fracturas. Hoxe Europa está unificada, máis alá de por unha controvertida moeda, só pola crise democrática: na cal, con todo, e este é o punto, as “·democraturas” dos países de Visegrado non se presentan tanto como o resultado dun mundo que foi como en calidade de vangarda dun mundo que ven.

Os ingredientes da “democracia iliberal” de Orbán – rexeitamento do estado de dereito en nome dunha concepción absoluta da soberanía popular; control dos media e da maxistratura; políticas identitarias e nacionalistas: guerras culturais en defensa dos valores tradicionais (deus, patria e familia) contra o “novo totalitarismo” dos dereitos, difúndense como unha mancha de aceite en todos os populismos europeos, como sabemos ben desde hai tempo polo laboratorio italiano, e non só nos europeos, como sabemos polos Estados Unidos de Trump. E insinúanse tamén alá onde os populismos non callan e non gobernan, nas praxes das postdemocracias cada vez máis baleiradas e des-constitucionalizadas, e no sentido común de sociedades cada vez máis atraídas por homes fortes e solucións simples.

Trinta anos despois da caída do muro, esta é a conclusión de Rupnik, o ciclo aberto desde o 1989 completouse historicamente e debe pecharse politicamente cunha decisión de discontinuidade. O triunfo do occidente decretado ao rematar a guerra fría coincidiu realmente co inicio do seu declinar fronte ao emerxer da potencia chinesa. A “nova orde mundial” que os Estados Unidos buscaron impoñer exportando a democracia coas armas xerou guerras, fundamentalismos, terrorismo internacional e migracións en masa. A democracia, representada hai trinta anos como o destino político espontáneo ou forzoso de todo o planeta, atópase hoxe nunha crise de forma, sustancia e lexitimación sen precedentes, en primeiro lugar nos países que teñen máis longa experiencia diso. A relixión do mercado crebou ante unha crise económica sen precedentes. A globalización sacou a inmensas masas da pobreza nalgunhas partes do mundo, pero ao prezo de desigualdades insostíbeis noutras, marxinalizando o rol de Europa en relación con Estados Unidos e China. E Europa, de laboratorio dun experimento de unificación postnacional, converteuse en vítima de empuxes disgregadores nacionalistas internos, ademais das miras destrutivas exteriores dos Estados Unidos de Trump e da Rusia de Putin.

Existe modo para sair disto? Non deben infravalorarse os factores que actualmente aseguran o recinto da Unión, como as divisións inetrnas no grupo de Visegrado, ademais do feito de que paradoxalmente mesmo a opinión pública daqueles países ve en Europa o único anticorpo á deriva autoritaria, ” a última trama protectora contra os propios demos”. Ainda que enferma, a democracia ten ainda as súas cartas a xogar contra as expresións de volta do totalitarismo, no leste e no oeste. Pero a condición, segundo Rupnik, dexuntar democracia e liberalismo, o que implica distinguir entre liberalismo político e liberalismo económico”.

Existe aquí a intuición e ao mesmo tempo o límite da análise do autor, que xustamente lle atribúe á “confusión, e de feito colusión, entre liberalismo e liberismo” os custes sociais e políticos e os equívocos culturais do ciclo post 1989, pero ilusiónase – como moitos liberaldemócratas – con que esta confusión poida ser disipada e que esta colusión poida ser interrompida desfacéndose do liberismo económico e restaurando a normalidade liberaldemocrática. O neoliberalismo que domina o mundo desde hai corenta anos e que decidiu os caracteres e o destino do 1989 é algo máis que unha superposición ou unha confusión entre liberismo económico e liberalismo político: é unha forma de racionalidade que somete ao código económico do mercado e da competencia o edificio enteiro da convivencia, desde a base antropolóxica ao cumio institucional.

A democracia liberal e os seus suxeitos tradicionais – o individuo racional, o démos forxado pola participación e os valores compartidos, os partidos como sede de práctica regulada do conflito, a divisón de poderes como garante do estado de dereito – saen modificados non continxentemente, senón estruturalmente. As novas dereitas populistas e soberanistas comprendérono perfectamente, coa súa crítica do individualismo, a súa “reinvención” do pobo soberano, o seu explícito desprezo polo estado de dereito: e viaxan na práctica coas mans libre sobre o camiño da demcracia iliberal, como confirmou Putin nunha entrevista ao “Financial Times” de hai poucos días. É no campo da esquerda no que falta unha proposta á altura dos tempos. Si o neoliberalismo ten sido a última ideoloxía hexemónica do novecento, para sair da súa crise fai falta inventar unha contra-hexemonía de semellante potencia, que ainda non se albisca no horizonte.

(Ida Dominijanni).

Publicado o 9-7-2019 na web italiana “internazionale.it”. Traducido por Administrador, pode verse o orixinal aquí:

https://www.centroriformastato.it/la-democrazia-in-europa-trentanni-dopo-la-caduta-del-muro-di-berlino-2/?fbclid=IwAR2WmhltRRvCDTnKOoDWq3WimTr0fIUKzAAyAd0WJWLROVYyF8VRtIxpAbQ

Foto: Pixabay.

Anuncios
Esta entrada fue publicada en Italia, política y etiquetada , , , , . Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s