Igualdade / diferencia, a ruptura política do feminismo

Relatorio de Maria Luisa Boccia na convención “Il lungo Sessantotto”, de Rifondazione comunista, celebrado en Roma o 17 de novembro de 2018.

A primeira esixencia que advirto no cincuenta aniversario do Sesenta e oito é subtraelo ao mito, xa sexa da celebración, xa sexa da condenación.

Da celebración, como evento irrepetíbel que pecha unha época e abre outra.

Da condena – hoxe moi presente – que, ao contrario, o considera a primeira fonte dos fracasos da sociedade contemporánea: antipolítica, hiperindividualismo, saturación do desexo no goce, damnatio memoriae. Unha especie de heteroxénese dos fins desde as instancias revolucionarias á gubernamentalidade neoliberal.

Para subtraerme ao mito, máis ben para combatelo, falarei do “presente do Sesenta e oito”, como o define Francesca Socrate, nun fermoso libro, cheo de testemuños (“Sessantotto. Due generazioni”, Laterza 2018).

É, no meu criterio, o modo para comprender a relación entre o evento e, dun lado, as tendencias que o anticipan, espesándose, precisamente, nun emerxer político, e por outro, os seus efectos, o seu perdurar noutras experiencias e movementos políticos.

Enfocar o presente quere dicir poñerse na perspectiva da subxectividade, da experiencia vivida e actuada polas protagonistas e polos protagonistas do Sesenta e oito. Coller del os trazos destacados, sen pretender levar á coincidencia o vivido e os acontecementos, ou o que é o mesmo, os trazos máis obxectivos que o determinaron (como, por exemplo, a ampliación “de masas” da Universidade, a guerra en Vietnam, en xeral o contexto social e político no que intervén e sobre o cal inflúe).

É isto, polo demais, o único modo para interrogarse sobre a relación co feminismo. Un primeiro lazo evidente é que do Sesenta e oito son progagonistas mulleres novas que serán a compoñente numéricamente máis relevante do feminismo nos primeiros anos Setenta. Isto non quere dicir considerar o Sesenta e oito como a orixe, política e cultural, do feminismo. O “vir antes” non é correcto nin sequera desde o punto de vista cronolóxico. O DEMAU, un dos primeiros colectivos feministas en Italia, escribe o seu “Manifesto programático” sobre a “dominación masculina” en 1966. O primeiro acto de separatismo ten lugar nunha asemblea na Universidade de Berkeley, abandonada polas mulleres, para protestar contra “a especificidade da condición feminina”, incluída entre os temas a debater. Recórdoo porque o separatismo é a cifra esencial da relación entre Sesenta e oito e feminismo.
Antes de afrontar esta relación, quero determe brevemente sobre aquilo que teñen en com
ún e distingue a mulleres e homes no seu ser e sentirse “il movimento”. E dígoo partindo de min. Sentín, e sento aínda, en común cos compañeiros da miña xeración unha vivencia densa da política. Temos desexado, amado, detestado, sufrido, actuado, esperado e repudiado cunha intensidade extraordinaria, acumulando nun breve tempo experiencias, sentimentos, convicións, que nos marcaron dun modo duradeiro para ben e para mal.

Definina nun escrito de hai uns anos (Le donne e i giovani. I movimenti nell ‘Italia degli anni Settanta, en Con Carla Lonzi, Ediesse 2014) unha expriencia de “felicidade pública”, facendo miña unha expresión de Hirschman (Felicità privata e felicità pubblica, Il Mulino 1982). Aquí “público” non está indicando a esfera institucional, senón a polis.

Estar dentro do movemento quixo dicir, sobre todo na primeira fase decisiva das ocupacións das Universidades, levar a cabo unha experiencia existencial absolutamente inédita, nun entrecruzamento entre vida e política que eliminaba as formas, os instrumentos e os significados preexistentes de vida e de política.

É suficiente estar aí para ser “o movemento”. E é unha presenza aberta, de contornas indefinidas, pero tamén indistinta, porque non admite diferenzas no seu interior.

Esta eliminación activa, non sufrida, das diferenzas, foi obviamente crucial para as mulleres. Pero non só para nós. Estou convencida de que foi determinante na evolución da subxectividade e da experiencia mesma do Sesenta e oito.

Antes de abordar isto, querería aclarar dous aspectos, para min esenciais, sobre o entrecruzamento entre vida e política. Por unha banda, sobre a transformación persoal de quen foi parte naquela experiencia, por outro, sobre a transformación política do sentido da vida e das relacións humanas.

O primeiro é o antiautoritarismo, que eu leo de modo diferente, pero non en contraposición, a Raoul Mordenti e Luigi Ferrajoli. Considéroo realmente un acto subxectivo de liberdade, unha afirmación de autonomía, de quen non pode e non quere xa encomendarse á autoridade. Xa non someterse aos pais: ao pai familiar, ao pai político, ao pai do saber. En resumo, ao pai como figura simbólica, autor da Lei, social e simbólica.

Foi un acto que lle sacou crédito ás verdades adquiridas; o movemento decisivo para a crítica da orde instituida, tomado na súa complexidade e na súa globalidade, como os proxectos para instituir unha nova orde. Isto é, puxo tamén en cuestión aos pais da tradición revolucionaria.

O segundo aspecto é a liberación sexual, é dicir, o descubrimento perturbador do desexo como potencia, precisamente simbólica, que transforma a falta en posibilidade, nun diferente modo de ser e unha diferente relacionalidade.
Esta liberación sexual non ha ter, con todo, a mesma posibilidade de
liberdade para mulleres e homes do Sesenta e oito. Exprésano ben algúns testemuños recollidos por Francesca Socrate: “facer o amor debía ser liberador”; “era difícil rexeitar”; “debías demostrar non ser prude“. Carla Lonzi definiu esta estación de liberación sexual como un novo imperativo imposto polos homes ás mulleres. Escribe en La donna clitoridea e la donna vaginale: “O home pode pedir un tipo de muller emancipada cuxo erotismo se desenvolva confirmando as pretensións do sexo dominante, cuxa prepotencia aumenta co aumento da súa liberdade”.

Aínda hoxe deberiamos reflexionar sobre en que medida o dominio pode concentrarse nunha ideoloxía e unha práctica sexual que, en nome da liberdade, prometen a prevaricación do pracer masculino e a necesidade de posesión e complicidade da que está empapado.

Vou á eliminación “activa” das diferenzas á que fixen referencia, como aspecto esencial do compartir a vivencia política. Definiríao unha mistificación da igualdade, ou unha práctica retórica da igualdade, que quita espazo ás subxectividades precisamente mentres as promove e converte en protagonistas. O “Nós” realmente absorbe ao eu, e non deixa espazo á súa diferenza. Esta eliminación favorecerá, no curto espazo, un desprazamento da política cara a concepcións e prácticas máis tradicionais. Acaba, ou queda en segundo plano, a política existencial, ou o que é o mesmo, o extraordinario entrecruzamiento de vida e política, e sitúanse en primeiro plano outros aspectos: a organización, os obxectivos, a visibilidade sobre a escena pública.

Vencen proxecto, lóxica do poder loita como manifestación de rúa e enfrontamento frontal co sistema: isto é, relégase a invención doutra política, e doutro xeito de pensala e practicala.

As mulleres advirten o contraste con máis intensidade que os homes: “xa non me divertía”, “volvíase atrás, perdíase a dimensión das relacións”. Son só flashes, pero os testemuños recollidos por Socrate documentan de modo substancial este aspecto.

O separatismo, isto é, a elección das mulleres de facer política entre mulleres e con mulleres, chega neste momento. Isto é prácticamente simultáneo ao nacemento dos grupos, dos partidos da esquerda chamada extraparlamentaria.

Outra vez, procede aclarar que os grupos de autocoinciencia non se forman todos entón, pero a súa difusión e o acto de implicar á xeración feminina do Sesenta e oito sucede naquel momento. Máis ben, durante un longo periodo, nos anos Setenta, o separatismo exprésase na modalidade da chamada “dobre militancia”: política das mulleres e política nos grupos denominados “mixtos”, onde a primeira orienta, para as mulleres, á segunda.

A dobre militancia indica tanto unha forte implicación na política compartida cos homes, como que naquela implicación as mulleres non atopan resposta á pregunta que se converteu entón en central: Quen son eu, muller? Para repensar e sentido da diferenza sexual – ser muller e non home – a igualdade non ofrece realmente respostas.

Pode considerarse o feminismo, tamén por parte das mulleres, en relación xenealóxica co Sesenta e oito. A lectura máis relevante nesta clave deuna Mariella Gramaglia, en “Problemi del socialismo” (n.4, 1968): un vir despois e ir máis aló.

Con todo, este vir despois do feminismo non me convence. Convénceme máis a lectura de Carla Lonzi, xa reivindicada outra vez por Eleonora Forenza. Dez anos despois, no Setenta e oito, nunha carta a “L’Espresso”, Carla Lonzi escribe que “para entrar no espírito feminista, as mozas deberon socavar non pouco as palabras crave, os modos e os mitos sesentaeoitistas. Foi malia o `68 e non grazas ao `68 que puideron facelo”.

Non existe correspondencia, aínda menos coincidencia, entre a liberdade feminina e a loita de liberación que a política do Sesenta e oito expresou. Ao contrario, como escribe Lonzi en “Sputiamo su Hegel” (Scritti dei Rivolta femminile, 1970): “o problema da muller non se resolve na igualdade, senón que continúa na igualdade, non se resolve na revolución, senón que continúa na revolución, o plano das alternativas é unha fortaleza da preeminencia masculina”. Nós, mulleres novas que fixemos o Sesenta e oito, nacemos emancipadas e medramos igual aos nosos compañeiros: non eramos discriminadas, e tiñamos, como dixen, compartido con eles experiencias, paixóns e ideas. Pero tamén experimentaramos a brecha entre o ser percibidas/pensadas como iguais e o descubrirnos diferentes.

Nos anos Setenta, aberta a separación que xa non se pechou, o feminismo continuou producindo política entre mulleres coa práctica da autoonciencia e do partir de si. Con todo, no separatismo actuou ampliamente, como xa sinalei, unha relación de contaminación e diferenciación coa galaxia dos partidos, movementos, asociacións que no Sesenta e oito han ter unha referencia común. Existe un momento no que a diferenciación prevaleceu, e foi o Setenta e sete. Unha nova xeración de mulleres sepárase daquel movemento dun modo, si é posíbel, aínda máis radical, expresando a incompatibilidade entre a súa política e a do movemento.

Era posíbel outro resultado que esta fractura? É a mesma Lonzi quen extraordinariamente fala da posíbel alianza entre o mozo e a muller.

O fundamento político teórico desta alianza é chamado por Lonzi “rexeitamento” do pai: “a muller que rexeita a familia e o mozo que rexeita a guerra constitúen dous colosais desmentidos da autoridade patriarcal”.

Na oposición á guerra de Vietnam non está só o antiimperialismo. Nas cartillas queimadas polos estudantes nas Universidades americanas existe unha motivación pacifista de repudio da guerra. O mozo que rexeita a guerra, rexeita un modelo de virilidade, de chantaxe para os propios homes, que se apoia sobre a afirmación da supremacía do home sobre o outro sexo. Pero os mozos sesentaeoitistas cederon ao chamamento á alianza entre homes na organizada loita de masas anticapitalista. Na alianza coa clase obreira pérdense as motivacións orixinarias da revolta estudiantil. Confluindo (e divididos) nos partidos/grupos, os estudantes preséntanse máis ben como vanguardia das loitas de clases. En todo caso, “estudantes e obreiros unidos na loita” anula a diferenza sexual. O mozo abadona o seu terreo de loita contra o patriarcado, e na súa matriz antiautoritaria subentra a lóxica das relacións de forza e do poder.
A alianza parec
íalle a Lonzi posíbel, a causa do corte levado adiante na orixe do Sesenta e oito coas formas de subxetividade política da tradición revolucionaria. Aquela alianza faltou cando os homes toman o camiño da repetición: dunha idea de revolución e dun modo de facer política. Dun modo de ser nas relacións entre mulleres e homes e, xa que logo, entre homes. Para que a alianza fose practicábel e incisiva procedía que os homes recoñecesen a asimetría entre eles e as mulleres ou, o que é o mesmo, que lle recoñeceran vantaxe ás mulleres, porque a revolución feminina ten en si as condicións para desbloquear precisamente a lóxica das falsas alternativas, das loitas de poder entre homes que, en todo caso, se apoian sobre a persistencia do paternalismo e da autoridade patriarcal.

Os resultados negativos daquela alianza que non se produciu marcan profundamente o presente. Existe unha reacción e unha cautela respecto da afirmación dunha política diferente, que se expresa hoxe nun retorno de violencia nas relacións entre mulleres e homes.

Realmente, a liberdade das mulleres avanzou, puxo en crise a identidade masculina. Para superar a angustia da perda de sentido, en todo caso dun fracaso daquel modelo de virilidade, difúndese entre os homes o recurso á violencia, privada e pública. O aut aut das relacións amigo-inimigo medra dentro da sociedade; non só entre o arriba e o abaixo, senón horizontalmente.

E exprésase en primeiro lugar en violencia contra as mulleres. A diferenza de como é presentada nos medios de comunicación e na política institucional, a violencia contra as mulleres non é marca do perdurar, inmutado, da opresión tradicional, senón consecuencia da crise da virilidade e da identidade masculina. No plano político, a lóxica das alternativas fronte ao poder preséntase hoxe paralizada, xa non parece realistamente practicábel senón na súa dimensión destrutiva.

A alianza que faltou presenta dous riscos, dúas insidias, para a política das mulleres. O primeiro é o separatismo estático, é dicir, o encerrarse na política das mulleres como ámbito exclusivo e circunscrito; o segundo é o mimetismo do masculino. É unha tendencia difundida na sociedade e nas institucións, incentivada pola representación mediática, promovida pola igualdade de oportunidades, cotas, medidas de atención á muller. En resumo, igualdade inclusiva redúcese cada vez máis a reparto de poderes e roles.

Pero o feminismo é aínda xerador de cambios da subxectividade feminina e xa que logo das relacións, xa sexa privadas ou publicas, en todos os contextos da sociedade. Podemos e debemos falar máis ben de feminismos en plural, sempre que non se perda a matriz común, a que permite intercambio, tamén no conflito, dentro da política das mulleres. Esta matriz común é a toma de conciencia da singularidade, sen a cal a liberdade redúcese a un enunciado sen suxeito.
Partir de si, este é o principio da política feminista, non quere dicir permanecer en si, senón revertir o mundo para mofificalo. E o feminismo produciu xa cambios profundos que permiten falar de revolución antropolóxica.

Non existe Unha teoría e Unha política feminista, no sentido de que non existe un proxecto e un programa no que referenciarse. O desafío é o de manter vivo o nexo entre toma de conciencia da singularidade e significación común. Un nexo que, precisamente, o Sesenta e oito puxera en práctica e que despois foi abandonado. Unha muller que fala a partir da conciencia de que a súa é unha palabra de muller que fala a todas pero non fala en nome de todas: esta é a matriz da crítica feminista á representación.

Para min, a preocupación máis forte hoxe é que os homes non lle manteñan o paso a esta transformación, que pravalezca neles a resistencia, nas máis diversas formas, en relación ao poñerse en xogo. Dado que o feminismo é unha revolución en acto, nunca completada definitivamente, sen este desprazamento masculino será máis difícil actuar.

(Maria Luisa Boccia)

Publicado o 17-4-2019 na web do CENTRO RIFORMA STATO. Traducido por Administrador, pode lerse o orixinal aquí:

https://www.centroriformastato.it/uguaglianza-differenza-la-rottura-politica-del-femminismo/?fbclid=IwAR1cP3wFZQAmQlUBWzPv4XRKpSwc1B6Z_2yYmHfxdWdKM6RV-b5_xb4VJyg

Anuncios
Esta entrada fue publicada en antropoloxía, filosofía, Italia, política y etiquetada , , , , . Guarda el enlace permanente.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s